Saturday 04 de May de 2024

O goberno municipal da Pobra leva a pleno a aprobación de máis de 650.000 euros para investimentos con cargo ao remanente


Darlle resposta ás demandas da veciñanza da Pobra do Caramiñal e garanti-lo correcto desenvolvemento dos servizos municipais. Estes son os principais argumentos esgrimidos polo goberno municipal para levar á sesión plenaria ordinaria deste 28 de setembro un total de 659.750 euros para investimentos en diferentes áreas; actuacións que se executarán antes de que finalice o presente ano. Na rolda de prensa deron conta polo miúdo deste punto o alcalde, José Carlos Vidal; a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo; a súa homóloga da Cultura, Patricia Lojo; o edil da Facenda, Eloy Sobrido; e o titular de Urbanismo, Xosé Lois Piñeiro.

A situación de prórroga do orzamento do 2022 fai que durante o exercicio orzamentario xurdan novos gastos que non estaban inicialmente contemplados no orzamento aprobado no seu día, pero que resultan necesarios e afectan a tráfico e mobilidade, vías e estradas municipais, parques e xardíns, medio ambiente, ensino, cultura, turismo, deporte ou promoción económica, entre outras cuestións.

Para darlle solución, o executivo local informou das accións que se realizarán con cargo ao remanente de Tesourería para gastos xerais de 2022 (ascendeu a 2.324.967’32 euros, dos que actualmente están dispoñibles 2.199.830’46 euros).

Os máis de 650.000 euros destinaranse a intervencións de diversa índole: arranxos en centros de ensino, actividades lúdicas e de sensibilización, pasos peonís elevados con luz, acondicionamento de instalacións deportivas (polideportivo da Tomada, estadio municipal da Alta, edificio de usos náuticos e pavillón de Venecia) e culturais (teatro cine Elma, casa da cultura Raquel Fernández Soler e Museo Valle-Inclán), reposición de asfaltados en vías públicas, taboleiros informativos, sinalización de lugares das parroquias, dinamización e decoración de Nadal, campañas de promoción económica, xantar de confraternidade, acceso ás praias, reparación de maquinaria, parques e xardíns, limpeza do río Morto, dotación de máis mobiliario para a oficina de turismo, incremento do material de divulgación turística ou reforzo dos recursos materiais da Policía local, son só algúns dos exemplos.

Prevese a realización dun pleno extraordinario no último trimestre para a aprobación de obras de maior envergadura e que afectan a infraestruturas (das cales se está redactando o proxecto), e que se farán ao longo do 2024.